Tuesday 14 de May de 2024

As tribos celtas de Boqueixón e Callobre protagonizarán este sábado 22 a Ofrenda do Lume Sagrado en Compostela


 

A comitiva da Raíña Alda e do Druída percorrerá as rúas do casco histórico para finalizar na Praza de Mazarelos

As tribos celtas de Boqueixón e Callobre daranse cita esta sábado 22 de xuño en Santiago para protagonizaren a Ofrenda do Lume Sagrado. Unha representación incluída dentro da programación do ciclo cultural Un mes e Pico. Ciclo Cultural: O Pico Sacro na Cultura Xacobea e que serve como paso previo á máxica noite de San Xoán. Esta iniciativa conta coa colaboración da Asociación Cultural do Castro da Fervenza de Callobre (A Estrada).

Se as condicións meteorolóxicas o permiten, o punto de encontro será a Carballeira de Santa Susana ás 22.00 horas. Dende alí a comitiva encabezada pola Raíña Alda –cuxo nome significa a máis fermosa- e polo Druída iniciará o percorrido polas rúas do casco histórico compostelán. Ataviados coas súas vestimentas celtas e cos fachos na man a zona vella de Santiago iluminarase co Lume Sagrado acendido o pasado domingo directamente coa forza do Astro Rei.

O percorrido finalizará arredor das 22.30 horas na Praza de Mazarelos. Alí completarase a Ofrenda do Lume Sagrado coa que as tribos celtas de Boqueixón e Callobre representarán a súa alianza coa cidade de Santiago.

En caso de chuvia, o percorrido polas rúas do casco histórico quedaría cancelado. Polo tanto, só se realizaría a Ofrenda do Lume Sagrado na Praza de Mazarelos.

Dende o Concello boqueixanés animan á veciñanza e visitantes a asistir a esta vistosa representación. Aquelas persoas interesadas en formar parte da comitiva da Raíña Alda e do Druída deberán poñerse en contacto co Departamento de Turismo (981 513 061 // boqueixonturismo@gmail.com) para formalizar a súa asistencia como figurantes voluntarios. Dende a organización aportarán a vestimenta e complementos precisos para esta actividade.

Entrega do Lume Sagrado

Xa o domingo 23 de xuño, o Concello de Boqueixón procederá á Entrega do Lume Sagrado. Esta realizarase na contorna do Pico Sacro entre as 18.00 e as 20.00 horas. Deste xeito, veciñanza e visitantes poderán utilizar este Lume Sagrado para acender os seus lumeiros de San Xoán e espantar os malos espíritos a través do ancestral ritual celta.